Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Brión ofrece a súa colaboración para acoller persoas afgás refuxiadas


O Concello de Brión vén de ofrecer a súa colaboración para o acollemento de persoas afgás refuxiadas ás entidades con competencia na materia e que van a desenvolver o Plan de Acollida. “Deste xeito queremos responder á solicitude realizada pola FEGAMP para o acollemento de persoas afgás refuxiadas. Brión é un concello solidario e desexa colaborar na resolución da crise humanitaria derivada da evacuación de persoas refuxiadas de Afganistán”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero.

Así, o Concello de Brión porá a disposición das autoridades unha serie de medios, que se irán implementando segundo sexan requiridos. Entre eles figura a xestión do “Rexistro de familias de acollida de Brión para persoas refuxiadas”, así como a posta a disposición da rede “Brión Solidario” para a dotación de artigos do fogar, roupa, calzado, xoguetes, material escolar, artigos de hixiene, alimentos de primeira necesidade… Así mesmo, o Concello de Brión outorgaría prioridade e gratuidade para o acceso das persoas refuxiadas a servizos municipais educativos, culturais e de lecer.

Outros medios postos a disposición polo Concello de Brión son: apoio para a comunicación, mediante a xestión de persoa para tradución e mestre de castelán/galego; outorgamento de medios de apoio ao transporte a á comunicación coas instancias administrativas en Santiago (tarxeta social metropolitana de balde) e información, orientación e apoio na xestión de trámites administrativos, a través dun servizo especializado en dereito internacional.